as Abelaires, insculturas con 4.000 anos de historia

Posted on Maio 31, 2012

0


O desleixo que leva anos padecendo o petroglifo das Abelaires e que o levou a terse convertido nunha especie vertedoiro incontrolado ten sido denunciado publicamente por diversos colectivos do Morrazo. Este ben milenario, que administrativamente pertence a Cangas pero que o Concello de Bueu inclúe no seu patrimonio na súa Guía Turística, está situado actualmente a carón do  do Complexo Medioambiental de RSU do Morrazo, feito que inflúe no seu estado de abandono.

Faro de Vigo, Edición Morrazo 19-05-2012

Tras diversas queixas aparecidas nos medios de comunicación, membros do Concello de Bueu retiraron algúns dos entullos que se atopaban enriba do petróglifo  ficando á espera dunha actuación do Concello de Cangas.

4.000 anos de historia
O petróglifo das Abelaires sitúase a uns 200 metros sobre o nivel do mar e mide 10 metros de lonxitude por 7 de longo. Nestas rochas de granito atópase unha morea de inscricións, entre as que  predominan as combinacións circulares, acompañadas de cazoletas (puntos sinxelos de diversa profundidade) e diversas liñas. Algunhas das combinacións aproveitan os saíntes naturais da pedra dándolle un resalte especial.

A historiografía foi situando a idade dos petróglifos en diversas épocas da nosa prehistoria. O misterio que acompaña a estas insculturas milenarias foi todo un reto para aqueles historiadores e arqueólogos que iniciaran a sua catalogación. Nun principio relacionáronse coa construción das mámoas e outras manifestacións do megalitismo, mais as últimas investigacións apontan cara a Idade do Bronce, arredor II milenio a.c, nunha época anterior á proliferación da cultura castrexa.

Combinacións circulares
As combinacións circulares, das que se poden atopar variados exemplos no petróglifo das Abelaires, son a expresión de arte rupestre máis predominante no noso país e que se atopa cunha especial intensidade nas Rías Baixas. Así, a nivel xeral, estas combinacións circulares adoitan presentarse nas pedras galegas na forma de varios aneis concéntricos cunha cazoleta central e, en ocasións, cuns surco de entrada ou saída. Tamén existen outras formas máis sinxelas, coma un grupo de cazoletas dentro dunha cinrcunferencia, círculos sinxelos ou aneis concéntricos radiados.

Calco do petroglifo das Abelaires, por Antonio de la Peña

 

As combinacións circulares son o tema troncal do grupo rupestre galaico e que ademais garda salientables semellanzas con outros fenómenos rupestres das poboacións atlánticas. O significado destes círculos milenarios é o grande misterio que as rochas grabadas nos traen desde a noite dos tempos. As teorías poden chegar a ser tan numerosas coma investigadores que estudaron este fenómeno artístico: trampas de caza, observacións astronómicas… Sen embargo, a máis creíble pode ser o seu caracter simbólico e relixioso, a representación dun conxunto de crenzas que para as persoas deste século XXI pode ser case indescifrable.

Advertisements