os muíños e as súas partes

Posted on Xuño 12, 2012

2


Os muíños do Morrazo adoitan ser pequenas construcións de perpiaño de  aproximadamente 6,7m de largo por 4,5m de ancho. Os seus muros poden chegar a ter ata 65cm de grosor. A cubrición executábase con  tella do país a unha soa auga. O acceso sitúase no lado máis curto, atopando de maneira inmediata o pousadoiro ou peza saínte empregado, como o seu nome di, para pousar os sacos de millo que se transportaba ó lombo ou enriba da cabeza -as mulleres-. A planta divídese en dous espazos: a entrada e o tremiñado (parte do piso onde cae a fariña), aparecendo as veces un tabique separador , de táboas ou ladrillo, delimitándoos: o gardapó.

planta tipo dun muíño, fonte: Manuel Aldao

Segundo o modo de aproveitar a auga, os muíños poden ser de dous tipos: de cubo ou de canle.  O cubo é o deposito adosado ó muro traseiro do muíño no que se acumulaba a auga dos regatos, suplindo deste modo a carencia de caudal. Pode ser vertical ou inclinado, podendo encerrar un espazo de entre  3 e 5m².  Este tipo de muíños contaba con un canizo ou enreixado de paus que protexían a entrada do cubo. Os de canle ou directos, pola súa parte, contan cun conduto de pedra que, a medida que se vai estreitando,  leva a auga dende a presa ata as penas no reducio da bodega. Denomínase presa ó tramo de rego que leva a auga dende o río ata a canle. Orixinalmente, a palabra ‘presa’ significaba ‘cauce para conducir a auga’. Os muíños de canle adoitan ter menos rendemento de moenda.

Máis ámbolos dous tipos de muíños constan de dúas alturas: a adega e a planta.

As distintas acepcións de cada unha das pezas e partes do muíño segundo os lugares, fonte: Manuel Aldao

Denomínase adega ó espazo que xorde de aproveitar o desnivel do terreo no que se empraza o muíño. Adoita ter unhas dimensións aproximadas de 1 metro de ancho, 1,5 metros de alto e 2 de fondo.
Calzado con croios no río no interior da bodega do muíño, o rieiro  ou arrieiro é unha peza de pau robusto – xeralmente de carballo-, en cuia obradeira ou peza intermedia, se asenta o eixo do reducio.  Ademais disto, no seu extremo enlaza coa cruceta.

rieiro e reducio

A obradeira -aínda que antigamente se empregaba un croio duro-, é un cubo de ferro cunha lixeira cavidade no centro para, á súa vez, facer asentar o grilo. A medida que se ía producindo o seu desgaste, tornábase ata esgotar as seis caras das que dispoñiamos.

a obradeira

O grilo é unha pequena peza incrustada entre a obradeira e o touzo, formada por un pequeno cubo de ferro -aínda que antigamente tamén se empregaba un croio-, que permite suspender de maneira centrada todo o sistema mecánico. Touzo denomínase ó tramo máis baixo do eixo do reducio, de sección hexagonal. Como o seu nome indica executábase de pau de carballo: touzal, lugar de carballos.

O seguinte tramo do eixo do reducio é a vara, situado entre o touzo e o lobete e unido a estes mediante aros de ferro a medida ou argolas. É tamén de madeira de carballo.

o grilo

O reducio é a forte armazón ou roda dentada de ferro con ollo hexagonal que xira coa enerxía cinética da auga.  Confórmano as penas ou pequenas pas -entre 20 e 25- que, suxeitas polos dous aros, son empurradas pola auga procedente da sateira . Aínda que normalmente é de ferro fundido tamén existiron de pau.

o reducio

A sateira é o  funil de táboas de madeira que conduce a auga ás penas do reducio.  As mordazas  -2 ou 3-, son as pezas de madeira que, sen necesidade de cravos, manteñen unidas as paredes da sateira pola que sae a auga a presión.

a sateira e a mordaza

A pesares de non contar todos os muíños con ela, a paredeira é o dispositivo mediante o cal se taponaba a saída de auga da sateira e se paraba o muíño.
Enganchada no rieiro, a cruceta -con forma de cruz- permítenos controlar a baixada ou subida do reducio na bodega dende o tremiñado.  Mediante o  calcadoiro ou pau que fai panca erguémola para poder calzala con cuñas, e deste xeito erguer ou regular a altura a mó.
En canto os aparellos para o gran -todos eles de madeira-, podemos citar a trabe ou viga principal que sustenta o tellado do muíño. Logo dela, os paus da muega son dous listóns paralelos que sosteñen, como ben di o seu nome, a muega. Este caixón de madeira con forma de tronco piramidal é onde ser verte o cereal a moer. Este condúcese a través da quenlla ó ollo da mó.  En moitos casos a quenlla forma unha soa peza coa muega. O cacarexo ou palitroque fica pendurado  na mó transmitindo a vibración da mó á quenlla provocando a caída do gran.

muega, quenlla e cacarexo

A é a pedra convexa que ó rotar e por fricción tritura o gran e faino fariña. O seu buraco central denomínase ollo, e é o lugar polo que entra o cereal. A mó encaixa pola súa forma e por ter igual diámetro -aproximadamente 1.20m- na parte superior cóncava do pé ou cilindro de pedra. O sitúase no centro do tremiñado, e serve de base fixa.
Pola súa banda, o ollo da mó pode presentar un borde resaltado para impedir que o gran salte fóra. Na súa parte interior inferior ten un escave no que encaixa a sigurella.  Entre a mó e máis o pé encádrase a buxa, peza de forma cilíndrica que centra o eixo do reducio ó tempo que impide que caia o gran ó río. Realizábase en madeira de buxo -ou no seu defecto de figueira-, para poder soportar as altas temperaturas acadadas pola fricción.

sigurella e buxa

Atravesando a buxa e encaixado na sigurella, está o lobete, peza de ferro duns 50cm de longo e último tramo do eixo do reducio, acuñado na vara, que transmite o movemento á mó.

o lobete

·

Motivos d’Aldea quere agradecer a Manuel Aldao Portas, Arturo Sánchez Cidrás e Belarmino Barreiro Rosales a súa inestimable axuda e colaboración na elaboración deste artigo.

·

·

·
IMAXES E BIBLIOGRAFÍA
Os muíños de auga na península do Morrazo, Manuel Aldao Portas, verán de 1982
Os Muíños de Auga na parroquia de Cela, Asociación Cultural Danzadeira, Cela, setembro de 2000

·

Advertisements