os muíños: orixe e abandono

Posted on Xuño 21, 2012

0


OS MUÍÑOS E A SÚA ORIXE

Dende tempos inmemoriais véñense empregando os muíños. Os máis antigos son os manuais -usábanos fundamentalmente as mulleres, encargadas da moenda familiar-, evolucionando posteriormente co fin de aproveitar a forza da auga e do vento. Aínda que non podemos determinar con exactitude a orixe dos primeiros muíños hidráulicos, si sabemos que os romanos os empregaban a partir do século I a. C. Vitruvio, arquitecto e enxeñeiro romano, describena súa obra De Architectura (nos anos 23-27 a. C. aprox.) o mecanismo dun muíño de auga de eixo vertical.

Muíño de man, peza do Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga (Lugo)

Segundo as denominacións romanas o mola manuaria era os muíños de man, mentres que o  mola asinaria eran os empurrados por bestas, as cales se lles vendaban os ollos para evitar o mareo.  Os muíños de auga eran os chamados mola aquaria.

De Architectura, de Marco Vitruvio Pollión, s. I a. C.

Así pois, os muíños que chegaron ate os nosos días son de orixe romana, sen sufrir apenas variacións na súa estrutura: un rodicio ou reducio cun eixo que move a mó. Mais o seu auxe na Galiza produciríase séculos máis tarde, no s. XVIII, a partir da aparición dun novo cereal, que chegaría a ser a día de hoxe o de maior volume de produción mundial: o millo.

O MILLO

O millo introduciuse en Europa logo da conquista de América no comezo do s. XVII, mais o seu auxe produciuse no noso territorio a finais do s. XVII e, sobre todo, durante o s. XVIII. Ate o de entón, cultivábanse nos nosos campos cereais coma o centeo, a cebada e o paínzo. Proba disto é que no Códice Calixtino do ano 1140 non aparece nomeado, citando sen embargo no Libro V como  ‘…abunda o centeo’.
O espallamento do novo cereal trouxo parello o crecemento demográfico das comunidades rurais galegas e en consecuencia, a proliferación de muíños nos nosos ríos e regatos.
A importancia do pan de millo foi fundamental na nosa sociedade. Ata pasados séculos non se comezou a traballar nos fornos o pan de trigo importado, o mesmo tipo de pan que se distribuía por ración a partir do ano 1937 -pan de ración-. O pan de millo era o maioritariamente forneado nas casas, se ben a partir dos anos 40 o estraperlo ou mercado negro, levou a fariña de trigo á poboación.

Mazorcas de Millo Corvo, recuperado pola Asociación Cultural de Meiro

A FARIÑA DE MILLO

Segundo a súa finura podemos distinguir tres tipos diferentes de calidades de fariña. Óleo chámase a fariña máis miúda que fica a rente o pé, con ela adoitábanse facer as papas para os nenos. A fariña propiamente dita, empregada para o pan de millo, atopámola algo máis lonxe do máis lonxe do pé. O picón ou millo roto o forman os grans machucados e non mudos, empregábanse para iniciar ós animais na comida do gran. Podíase facer tamén erguendo un pouco a mó.
A parte de moer un saco de millo, tamén se adoitaba moer  algo de mestura de centeo (de gran máis miúdo polo que había que aproximar a moa).
Cando o millo é novo e está verde, pode formar unha pasta e embolar, perxudicando o funcionamento do muíño.

OS MUÍÑOS COMO BENS DE COMUNIDADES

Segundo a propiedade do muíño estes podían ser de herdeiros ou de maquía.
A maioría no Morrazo son de herdeiros ou varios propietarios.  Unha familia ou un grupo de familias costean a construción e hérdase por vía testamentaria. A construción dun muíño, por exemplo, solo era permitida sempre que non estorbara e retornase a auga ó río. Podíanse ocupar sempre que se demostrase o abandono. Co andar das xeracións multiplícanse os usuarios e vaise facendo necesaria unha repartición por horas no uso do muíño e nos regadíos. A propiedade do muíño establécese en días ou horas de moenda, normalmente de cada 15 en 15 días. Hai que sinalar que daquela facíase pan semanalmente.  Estas horas podían variar en particións de 24 a 12, ou ata 6 horas por herdeiro como mínimo -partición límite establecida no ano 1963 a través do Dereito Foral de Galicia-. O domingo non se moia, reservando ese día para o mantemento do muíño.  No verán moíase durante a noite -de 6 da tarde a 6 da mañá- para poder regar as leiras e dar de beber o gando polo día. O muíño tiña sempre preferencia do uso da auga excepto no tempo de regar o millo. Cada ano desprazábase o día de moenda (de luns a martes, por exemplo) o Domingo de Ramos. Estes muíños contaban cunha soa chave depositada nun posto: a chave do muíño quedaba na casa principal -normalmente a casa do herdeiro que estivera máis preto do muíño-, onde se collía se devolvía antes e despois de cada quenda. Os gastos de mantemento eran comunitarios.

chave do muíño

Os muíños dun so propietario chámanse de maquía, por ser este o imposto que cobra o muiñeiro por facer o traballo da moenda, normalmente os labregos pagaban con fariña mentres que os tendeiros que a comercializaban pagaban con cartos. O pago en fariña, comprendía unha cunca por cada ferrado -un ferrado eran unhas 16 cuncas, é dicir, 2kg-.
No caso dos muíños de herdeiros o seu nome refírese ao lugar no que se atopan, como acontece cos ríos. Por outra banda, as maquías denomínanse segundo a familia propietaria, por exemplo, a maquía dos Freire.

O ABANDONO DOS MUÍÑOS

Os problemas de mantemento provocaron que os muíños fosen caendo en desuso. Se non había un picador que se encargase dos problemas das pezas, o muíño non moía ben nin aguantaba. Outro problema é que a xente en varias ocasións marchaba e deixaba o muíño moendo e remataba chocando pedra contra pedra, con ese chío tan característico que ten, entón era preciso cortar a canle da auga. Isto era o que se chama ‘moer en van’. Tamén moitas veces alterábase o funcionamento das pezas sen coñecemento, descompensando a moa. Nos casos de muíños de herdeiros non había unha persoa encargada das cuestións do mantemento, como podía pasar nos casos nos que o muíño tivese un propietario.
O abandono non se produciu pois, pola aparición dos muíños eléctricos, senón fundamentalmente polo abandono do consumo do pan de millo. Os muíños eléctricos seguiron empregándose para moer millo para os animais.

·

Motivos d’Aldea quere agradecer a Manuel Aldao Portas, Arturo Sánchez Cidrás e Belarmino Barreiro Rosales a súa inestimable axuda e colaboración na elaboración deste artigo.

·

·

·
IMAXES E BIBLIOGRAFÍA
Os muíños de auga na península do Morrazo, Manuel Aldao Portas, verán de 1982
Os Muíños de Auga na parroquia de Cela, Asociación Cultural Danzadeira, Cela, setembro de 2000

·

Advertisements